Sunday 12 de May de 2024

O ferrolán Edelmiro Leira proclámase vencedor da sétima edición do Campionato de Caza San Huberto ‘Cidade de Riveira’


O ferrolán Edelmiro Leira xunto co seu can –un setter inglés chamado “Verdi”- proclamouse o pasado domingo gañador da sétima edición do Campionato de Caza San Huberto ‘Cidade de Riveira’: unha competición celebrada no monte Curota, na zona coñecida como Chans de Folgoso, que tras as inscricións de última hora logrou reunir un total de 37 participantes, erixíndose nun dos certames cinexéticos con máis competidores de Galicia.

Acompañaron no podio a Edelmiro Leira (que acadou un total de 74 puntos) un cazador de Viveiro, René Vale (71 puntos), e outro de Fisterra, Juan José Canosa (69 puntos), sendo os seguintes clasificados Manuel Leonardo, Carlos Lalín, Jorge Martín, Ramón Carnero, Antonio Fraga, Roberto Dopico e José Zamora.

Organizada pola Sociedade Caza e Pesca de Barbanza coa colaboración do Concello e o patrocinio de numerosas entidades da comarca, a cita foi puntuable a Copa Galicia e reuniu participantes das catro provincias da nosa autonomía, Asturias e Portugal.

Cada competidor dispuxo dun tempo de quince minutos para abater dúas perdices, un obxectivo para cuxa consecución estivo asistido polo seu can, avaliándose á hora de dirimir a clasificación (o xurado estivo composto por José Moure, Rubén Boquete e Ramón Boya) tanto a habilidade do cazador como as cualidades e adestramento do animal.

Aroa Fernández, edil de Deportes, representou ao Concello na entrega de trofeos.